Estivemos na Xornada de Bibliotecas Escolares 2023 organizada pola Xunta de Galicia, onde fixemos acopio de moitas ideas para o noso IES. Entre outros, aprendemos dos seguintes relatores:
Miguelanxo Prado falou de que os xogos de vídeo naceron como medio de ocio, igual que o cinema e a banda deseñada, pero teñen unha potencialidade narrativa e artística enorme. Compara os mundos alternativos e o relato inmersivo en primeira persoa de obras como a Metamorfose de Kafka cos creados nos videoxogos ou na BD. Trátase, pois, de acompañar o alumnado na aprendizaxe destas novas linguaxes.
A banda deseñada é de creación compartida: sempre hai elipses narrativas que ten que completar quen a le, enchendo os baleiros que hai entre viñeta e viñeta. Isto potencia aprender a ver as partes que faltan nos quebracabezas e a construír solucións.
Recomendou, entre outros libros, Contrato con Dios, Adolf de Tezuka e One Piece.
Daniel Cassany amosounos ferramentas como fanfiction.net, que tamén ten textos en galego, Met Ease Cloud Music, contounos como se poden crear booktrailers coa técnica Draw My Life, etc.
Debemos interesarnos polos gustos do alumnado e polas cousas que aprenden de maneira informal fóra da escola, escoller recursos adecuados que cadren con esas aficións e acompañalos na aprendizaxe.
Alberto Dafonte falounos da loita contra a desinformación e aprendeunos a usar ferramentas como Way Back Machine, que permite ver versións antigas dunha páxina web ou Fact Check Explorer, para atopar desmentidos oficias con fontes.
Tamén compartiu connosco unha guía e unha lista de YouTube para tratar este tema nas aulas.
E para finalizar, Xabier Rolán explicou como o uso correcto de aplicacións que traballan con intelixencia artificial nos poden aforrar tempo e traballo. Se estas ferramentas escriben mellor ca min, por que non vou usalas? Pero, por suposto, revisando sempre o resultado final, que actualmente pode conter moitos erros, xa que estas aplicacións están adestradas para predecir, non para razoar.
Exemplos de ferramentas de creación de contido sintético:
Hai que ter en conta que uns responden mellor que outros en certos temas. Podemos usalos, por exemplo, como punto de partida para un novo traballo ou para xerar unha chuvia de ideas que nos proporcione inspiración. Cousas que fan bastante ben:
- Resumir ou ampliar un texto.
- Traducir.
- Extraer ideas chave dun texto longo.
- Escribir código informático.
En canto a este último punto, é previsible que nas empresas, nun futuro inmediato, usen estas aplicacións para codificar, polo tanto debemos ensinar aos alumnos outro tipo de habilidades como aprender a detectar erros no código xerado.
En canto á autenticidade dos produtos sintéticos (texto, imaxe, vídeo, etc) creados con estas ferramentas, non teñen a consideración de plaxio e é difícil de detectar se alguén fixo “trampa” usándoas de modo incorrecto. GPTZero asegura poder detectar texto sintético pero aínda non funciona ben de todo.
Máis cousas interesantes que se poden facer:
- Con ChatPDF pódese xerar un test a partir duns apuntamentos. Isto pode servir, por exemplo, para estudar para un exame.
- Con GPT-4 pódese cargar un CSV e pedir que o analice (internamente usa Python) e despois podemos pedirlle consultas, gráficos, etc.
- veed.io é un editor online que permite xerar vídeo. ChatGPT enlaza con veed.
- Magic Slides crea presentacións a partir de texto.
- E para finalizar, Bing é o recomendado para crear imaxes.
Comment on “#XBEGA23”